DÚAS LENDAS EN PENOUTA
A dous quilómetros de Salcedo, na parte leste, existe
unha longa cornixa rochosa que se estende na dirección norte-sur con gran
elevación sobre o ángulo obtuso que forman o arroio do Valote e o río Loureiro.
Esta fileira de penas con grandes precipicios, aínda que parcialmente ten
distintos nomes como logo habemos ver, no seu conxunto chámase Penouta, cuxa
denominación vén da fusión do substantivo e o adxectivo (pena e outa), na que,
segundo a tradición oral, en distinto punto e data, tiveron lugar as dúas
lendas que ocupan este comentario.
Des que eramos nenos ouvimos dicir moitas veces a
varias persoas maiores que, alá en tempos afastados, o que daquela era crego
desta freguesía, querendo afianzar máis a fe daquelas xentes ou seguindo
quizais o exemplo doutras falsas aparicións de santos en semellantes
circunstancias, que logo produciron ingresos económicos, dise que levou ou
mandou levar de noite a imaxe de San Xirómeno (San Xerónimo) á punta sur de
dita pena, preto do camiño e arroio da Poxa.
As primeiras persoas que viron e recoñeceron a imaxe
de San Xirómeno naquela paraxe comunicáronllo ao crego, quen dixo que a
aparición material e traslado da imaxe até aquel lugar se debía a unha causa
sobrenatural e que, polo tanto, este feito requiría a construción dunha capela
onde colocar a imaxe para a súa veneración. Pero os veciños, malia o seu fervor
relixioso, non creron aquel falso milagre nin construíron o santuario. Dise
que, por segunda vez, volveu aparecer a imaxe no mesmo lugar e que, por segunda
vez, volveu ser trasladada ao seu altar na igrexa, sen dar creto ao que o
sacerdote dicía. A tradición, ao referir esta lenda, non concreta sequera a
data aproximada daquel acontecemento nin menciona o nome do crego de tal
invención, polo que nós somos os primeiros en dubidar da veracidade do suceso e
por iso o narramos lenda cos mesmos detalles que refire a tradición.
A segunda lenda considerámola máis veraz por tratarse
dunha data concreta e non moi distante historicamente. Cóntase que na Guerra da
Independencia pasou cerca de Salcedo unha columna de franceses que facía a ruta
do Camiño Real dende A Pobra do Brollón, pasando pola ponte do Lor en dirección
Quiroga, e que ao seu paso polo Carballo do Lor saquearon e profanaron a capela
da Nosa Señora dos Remedios en cuxos arredores estiveron acampados. Mesmo se di
tamén que naquela columna ía o propio Napoleón, que seguiu este camiño para
poderse entrevistar co seu amigo e compañeiro de estudos en París, o Señor de
Nabín, en cuxo casarío se hospedou Napoleón e recibiu do seu amigo a
información que lle cumpría para os seus plans. O de Nabín, que cursara estudos
de Astronomía e tiña sona de sabio polas súas atinadas predicións, foi
fustrigado máis tarde polas autoridades españolas e viviu postergado na súa
categoría social por favorecer a tan grande inimigo de España. Pero volvamos ao
fío da nosa narración. Unha partida de soldados franceses con varios cabalos,
que quedaran atrasados daquela columna, probabelmente por ser de noite,
equivocáronse de camiño na Chá de Castroncelos e cruzaron o arroio da Abelaira
con dirección a Bairán, onde chegaron pola mañá, sorprendendo e obrigando aos
indefensos veciños deste lugar a entregarlles víveres das súas despensas para a
tropa, así como penso de castañas e gran de centeo para os cabalos. Segundo se
conta, mentres que esta tropa permaneceu en Bairán repoñendo provisións e
orientándose do camiño cara a Quiroga, tres destes franceses, sexa por
ignorancia, sexa por probar a sorte dunha aventura, tomaron a pé o camiño que
conduce a Salcedo. Ao chegarmos a este punto da nosa narración achámonos con
dúas versións distintas: unha dinos que aqueles tres soldados perseguiron unha
rapaza que pastoreaba as súas ovellas no Chao e que botou a correr pedindo
auxilio, estendéndose a alarma entre outras persoas; a outra versión sostén que
os primeiros veciños de Salcedo que albiscaron o uniforme dos soldados
franceses, correron a avisar os demais veciños e a tocar a campá a rebato, a
cuxo sinal acudiron todos os homes útiles, uns coas poucas armas de fogo que
tiñan, outros con ferramentas cortantes e contundentes, e as mulleres tirando
pedras. O encontro tivo lugar na Cruz da Carraza, onde os tres franceses, malia
vir armados quedaron case cercados e só dous lograron fuxir daquela hostilidade
sen poder auxiliar ao outro compañeiro que quedou en poder dos nosos.
Aqueles nosos devanceiros, dende esta pequena parcela
da Patria, fieis á consigna do alcalde de Móstoles, emularon os españois
doutros pobos, que se organizaron en guerrillas pola súa conta contra os
invasores e anoxados pola actitude abusiva de que foi abxecto aquela rapaza e a
xenreira que inspiraban os franceses ao seu paso polos nosos pobos, sen
reflexionar tomaron a decisión de dar morte ao prisioneiro desarmándoo e
conducíndoo deica o borde do Calangro no citado lugar de Penouta, a cuxo
precipicio, segundo se di, foi botado vivo. Por non ferir sentimentos, omitimos
os postremos rogos que di a lenda fixo aquel infortunado cando ía ser lanzado
ao baleiro, indo parar o corpo a un punto inaccesíbel daquel barranco onde
sería comido polas aves de rapina e animalias sen que os seus restos recibisen
sepultura nin os libros de arquivo mencionen esta defunción.
Este feito tan horríbel só é críbel se se ten en conta
que todas as guerras conteñen actos terríbeis, e neste caso temos que recoñecer
que aqueles homes obraron inducidos pola grave ofensa daquel intento de abuso,
polo patriotismo como españois e polo odio cara aos invasores, por iso se
extremaron no rigor á hora fatal de xulgar aquel inimigo, sen coidar sequera
que, sendo eles impotentes para se defender do ataque dunha forza armada,
aquela acción inhumana podía custarlles máis tarde unha masacre de vidas se os
franceses, ao decatáranse daquel feito, se volvesen contra Salcedo para tomar
represalias.
Ao longo desta sinxela narración cinguímonos fielmente
ao que nos contaron persoas anciás nas horas de pastoreo ou ao relatado polos
nosos avós arredor do lume na lareira, polo que deixamos a criterio do lector a
apreciación ou pescuda de todo o narrado, sen que pola nosa parte poidamos
aportar máis testemuños ca un feito real que está aí: os lugares onde a lenda
refire a aparición da imaxe do santo e onde foi arrebolado aquel desgraciado
galo, aínda seguen conservando na nosa lingua as denominacións de San Xirómeno e A Pena do Francés, respectivamente.
Antonio Rivera
Artigo aparecido na revista Boletín
Cultural de Salcedo, Nadal, 1981
Tradución, Alberte
González