MIRANDO CARA AO PASADO
Se fose posíbel, como
nunha película de moviola, desandar o tempo até o século XVIII e compartir a
vida dos que entón habitaban Salcedo, achariámonos entre medio centenar de
veciños: dous ricos vivindo na opulencia, unha decena de secundarios con boa
posición, máis de trinta con pequenas diferenzas entre si, sen suficientes
terras nin outros medios para viviren e o pequeno grupo restante inmerso na
mendicidade.
Por vellos cadernos de
partillas e observando o contorno de grandes fincas que pertenceron a un único
dono, deducimos a enorme desigualdade de propiedades que naquel tempo existía
en Salcedo e, como daquela non había outros medios de vida máis ca traballar na
terra, a posesión de vastas extensións daba preponderancia e determinaba a
abundancia para o que as posuía e a miseria para os que só eran donos dunhas
minguadas herdades.
Esta diferenza de
posibilidades económicas subsistiu case até finais do século XIX, porque os
máis ricos establecían vínculos ou facían melloras abusivas a prol dun só
fillo, coa finalidade de manter case íntegros os seus patrimonios, dando lugar
a que os coherdeiros do vinculeiro, se formaban un fogar aquí, pasasen a ser
pobres sendo fillos de rico, á vez que seguiron fraccionando as súas pequenas
fincas, chegando así ao minifundio no que se encontran moitas das nosas
parcelas.
Case os únicos postos
de traballo que aquí había naquela época eran os de criado e xornaleiro na casa
dos ricos, pero como estes eran poucos e os necesitados moitos, tal excedente
de brazos creaba situacións aldraxantes en que os pobres ofrecíanse para
traballar sen esixir máis salario ca o da comida. Isto mesmo debía ocorrer
noutros lugares, pois eran moitos os esmoleiros sans ou tollidos que
deambulaban polas aldeas pedindo un anaco de pan ou un lugar onde pasar a noite
ao enxoito.
Non cabe dúbida de que
para os aventureiros e para estas xentes oprimidas pola pobreza o descubrimento
das Indias, como entón se denominou o continente americano, abriu un novo
horizonte de esperanza e acolá se foron xa os nosos primeiros emigrantes, indo
quizais a pé deica os portos de Vigo ou A Coruña, para embarcarse cara a un
destino onde tamén os agardarían moitas vicisitudes.
Os menos audaces ou
con máis apego á patria quedaron aquí, uns pagando a renda para cultivar as
terras que lles sobraban aos señores ricos, outros afastábanse cara ás concas
dos ríos Lor e Loureiro, para faceren plantacións de castiñeiros, construíren
alvarizas ou cultivaren pequenas hortas, liberándose así da renda, mais non da
fame.
Todos os medios que
aquela xente tivo ao seu dispoñer eran precarios e penosos. Para faceren rompas
non existían máis apeiros mecánicos ca a simple aixada, nin máis esterco
químico ca a cinza obtida da queima da terra e o seu esquilmo, operación que
favorecía a primeira sementeira, pero que prexudicaba o chan en sementeiras
sucesivas, xa que a acción do lume destruía unha gran riqueza fertilizante
acumulada polo tempo.
Como a maioría dos
veciños non tiñan prados nin posibilidades para soster o gando vacún,
unicamente posuían ovellas e cabras, e aquí achámonos cun trazo de
cooperativismo: comprendendo que non era rendíbel pastorear cadansúas cabras,
agrupáronas todas nun só rabaño chamado vixía
ou veceira, de cuxo pastoreo facíanse
cargo dous veciños durante os días que lles correspondese polo número de
cabezas que cada un tivese.
Toda esta zona de
terreo accidentado que nos separa do río Loureiro, así como o macizo que se
ergue entre este río e o Lor, foi percorrido palmo a palmo e regado con gotas
de suor polos nosos devanceiros pobres. Alá foron moitas xeracións de fillos de
Salcedo pastorear cabras, apañar feixes de leña e facer carbón que
transportaban ás costas deica Monforte, camiñando case vinte quilómetros
cargados, mal vestidos e peor alimentados.
Coma as circunstancias
que os rodeaban e as poucas terras que posuían non lles permitían cubrir as
súas necesidades, todos os anos en Salcedo se formaba unha cuadrilla de
segadores baixo a dirección dun maioral
para ir a Castela.
Mentres non se dispuxo
de locomoción por ferrocarril, os nosos segadores, provistos dunha mochila
frugal, un pequeno fardo de roupa e un fouciño, partían a finais de xuño con
dirección ao Cebreiro, a súa primeira etapa, dende aquí a Ponferrada e así
sucesivamente facendo unha media diaria de dez leguas até cubriren, en dez
días, as cen que os arredaban de Madrid ou Guadalaxara, hospedándose durante a
penosa camiñada nas paraxes das ventas e dos mesóns. A distancia oscilaba entre
cinco e dez días segundo a sega fose en Madrid ou nos distintos puntos da Terra
de Campos.
A tempada de segas nas
diferentes zonas de Castela duraba dous meses nos que aqueles homes soportaban
os rigores da calor, comían mal, traballaban dez horas ao día sen estaren
cubertos contra accidentes laborais e durmían en palleiras ou á intemperie
entre as gavelas. Como a pobreza levaba emparellada a incultura, o labor dos
segadores galegos non só era duro e estaba mal retribuído, senón que daba lugar
a que os casteláns tivesen de Galiza e da súa xente un concepto moi equivocado.
A falta de vías de
comunicación e medios de transporte para intercambios comerciais de produtos do
campo e de obxectos fabricados nas grandes cidades, repercutía principalmente
nas pequenas aldeas que se viron na necesidade de utilizar rústicos
procedementos para elaboraren os aparellos máis indispensábeis para o seu
fogar. Nas vellas ferrarías fundíronse os clásicos potes e as vellas potas e
nas forxas facíanse os poucos instrumentos de que dispoñían para a mesa, así
como as ferramentas para o campo e os cravos e a cerralaría para a construción.
Outro problema que
preocupou aos nosos tataravós foi o da roupa. Para resolvelo pensaron en
cultivar liño e a esta planta dedicaban o terreo de mellor calidade, que por
tradición aínda conserva o nome de Liñar.
A preparación do liño, dende que se recollía na terra até que estaba en
condicións de ir ao tear, esixía un longo proceso de labores de man
especializada, e o de máis esmero era o de fiar. Para este traballo, chamado fiandón ou fiadeiro, reuníanse as nosas avoas nas noites de inverno arredor do
lume e á luz dos ardentes, madeiras
resinosas, ou do candil con graxa. Fiaban en animado faladoiro até que as
collía o sono.
Con este fío e o de
la, as tecedeiras nos rústicos teares
tecían teas para roupa de uso cotián e sobre todo colchas e outras prendas para
a cama, que para moitos esta había ser de palla sobre táboas. Nestas aldeas
aínda hai acantonado algún destes teares nos que as mans engurradas e calosas
das nosas bisavoas teceron colchas que hoxe pola súa vella artesanía son moi
estimadas e cotízanse a grande prezo.
Afortunadamente o
progreso brindounos a oportunidade de modernizar o noso mobiliario, aínda que
habemos de lamentar que no noso afán de adquirir utensilios modernos de toda
clase, destruímos ou enviamos á chatarra aparellos vellos inservíbeis que hoxe
pola súa antiga e rústica fabricación serían pezas de grande valor para museos.
En canto ao servizo de
correos, os poucos veciños que sabían escribir e enviaban correspondencia,
tiveron que desprazarse ao Camiño Real xunto ao Mesón de Castroncelos para
entregala e recollela os días que acostumaban pasar os empregados deste servizo
cos seus cabalos de Posta. Esta modalidade deixou de funcionar coa posta en
marcha do ferrocarril Palencia-A Coruña e o derradeiro mensaxeiro enviado dende
Salcedo para entregar e recoller, foi un criado da casa de Pérez chamado
Salvador Rodríguez, natural de Couso.
Se os coñecementos
sobre o pasado poden ser instrutivos para o presente, cremos que o comentario
que nos ocupa, malia a súa sinxeleza, tamén puidese ser útil para os rapaces de
hoxe se o meditasen fondamente, e serían máis felices nos seus complexos se
comparasen esta abundancia, as comodidades e as posibilidades de que gozan para
estudar e labrar o seu porvir con aquela miseria, penalidade, incultura e
penuria nas que desenvolveron a súa vida a maioría dos nosos devanceiros.
Antonio Rivera
Artigo aparecido na
revista La Voz de Salcedo, 1974,
Salcedo
Tradución, Alberte González