NOTAS DO NOSO ARQUIVO

 

            Dende que se formaron parroquias con grupos de lugares e a súa correspondente igrexa e deica 1871, en que se crearon os rexistros civís municipais, os arquivos das igrexas e doutras entidades similares de maior xurisdición, foron os centros onde se inscribiron con todos os datos persoais dos interesados as partidas de bautismo, matrimonio e defunción.

            Cos datos destes arquivos teranse confeccionado os primeiros censos de habitantes e quizais as primeiras estatísticas da produción agrícola, tomando por base os décimos que os fregueses pagaban ao seu crego.

            Grazas á xentileza do noso párroco, tiven acceso ao noso arquivo parroquial e, co detemento que require a lectura destes vellos manuscritos (algúns do século XVII), deteriorados polo uso e o paso dos anos e escritos con mala caligrafía nun castelán antigo e con frecuente uso de abreviaturas, puiden descifrar o seu contido do que tomei varias notas que, aínda que entre si non gardan analoxía para formular este comentario ou poidan non ser do agrado do lector, a meu xuízo deben ser publicados porque foron historia na nosa parroquia e o seu coñecemento pode dar idea de cal foi a influencia dos eclesiásticos, da fe e da obediencia dos fregueses, que se rexían por normas que hoxe nos parecerían inxustas e ridículas, pero que no seu día tiveron aplicación e foron a política local que deu lugar a comentarios e preocupacións xa que afectaban á vida económica e relixiosa dos nosos devanceiros.

            Naqueles tempos, o crego nas parroquias rurais, ademais de ser o reitor espiritual, era a primeira autoridade que facía cumprir as leis da Igrexa e podía propoñer para a excomuñón os que en materia grave non as cumprían.

            Era o funcionario competente para expedir o certificado que xustificaba ao interesado a súa idade e o seu estado civil ou a súa boa conduta, se así a tiña; aconsellaba e conciliaba os desavidos; facía de xuíz pacificador entre dous fregueses en litixio; servía de mestre ensinando a ler e a escribir os nenos; diagnosticaba a enfermidade dos pacientes e actuaba de notario ouvindo e escribindo a última vontade dos moribundos.

            Durante os séculos XVII e XVIII, conforme relacións nominais que lin, estivo formada na nosa parroquia a confraría de San Sebastián Mártir, á que pertencían case todos os cabezas de familia a súa cónxuxe ou outras persoas maiores, e gozaban do beneficio da confraría todos os familiares menores dos confrades. Para ser irmán confrade, cumpría pagar un real de entrada e a cota anual de cinco cuartos, co que tiña dereito a unha misa rezada e ao alumeado con vinte e catro blandones. Todos os confrades tiñan a obriga de asistir ao enterro doutro confrade, baixo a multa de medio real, cuxo importe ingresaba nos fondos da confraría.

            Daquela os fregueses, ademais dos décimos que lles esixía o crego como emolumento, pagaban á Igrexa as primicias, que nesta parroquia consistían na entrega de gran de centeo ou de trigo para o que se lle asignaba a cada veciño unha cantidade que adoita ser dende medio celemín para os colleiteiros máis pequenos, até catro ferrados que entregaban os de maior colleita, e os pobres que non posuían terras pagaban cada un real. A media anual de gran era sobre corenta e cinco ferrados e o seu prezo, segundo a abundancia ou a escaseza, oscilaba entre cinco e dezaseis reales, cantidade esta última que para aqueles anos paréceme desorbitada.

            Mentres os cadáveres foron enterrados dentro da igrexa, pola sepultura que ocupaba un defunto, os familiares tiñan que pagar un tanto, sen que esta fose propiedade privada. Non sei por que estas sepulturas eran de varios prezos, pois ían de catro a vinte e dous reales. Os defuntos de quen non tiña posíbeis para pagar tal dereito eran soterrados fóra da igrexa “...en el lugar destinado a los pobres...”

            Para a recadación e administración da cota dos confrades, así como das primicias e do importe das sepulturas, nomeábase un mordomo por un ou varios anos que, como depositario, todos os anos rendía contas ao crego, quen, á súa vez, llas presentaba ao visitador do arciprestado que daquela era o de Santalla de Rei.

Estes ingresos non eran para o crego, como puidese parecer, pois deste total pagábase á Casa Santa de Xerusalén para a décima do seminario e para a redención de cativos, e o resto investíase en obras ou utensilios para o culto de acordo coa aprobación do bispo.

Como nos séculos pasados había moitos pobres e non se pensaba, como agora, en limitar a prole, case todas as familias eran numerosas, e por iso o número anual de defuncións era maior ca o de hoxe, sobre todo en nenos, pola carencia de nutrición adecuada e medios preventivos. Todos os anos morrían non menos de cinco e até doce en caso de epidemia.

As partidas de defunción móstrannos a fe e o temor a Deus que tiveron os nosos devanceiros. Cando un enfermo se consideraba grave, máis ca pensar en transmitir en herdanza os seus bens, dispoñíase como debían ser investidos parte destes, nomeando un cumpridor e sinalando cantos cregos haberían de asistir ao seu enterro e o número de misas que terían que celebrarse pola súa alma, que en ningún caso era inferior a quince, e que podían ascender a cincocentas, conforme o grao de fe do moribundo ou as súas posibilidades económicas.

Na maioría dos casos o paciente facía testamento de palabra, chamando ao seu leito ao crego e a cinco homes da súa confianza, perante os cales dispoñía os seus bens, se ben o crego que daba fe daquel acto e as cinco testemuñas, para corroborar a derradeira vontade do testador, tiñan que comparecer diante dun notario ou escribán, o cal, ouvindo as probas, estendía un documento público, isto é, o verdadeiro documento. Para evidenciar o dito, copio a continuación, parcialmente, unha partida de defunción na que consta a última vontade dunha moribunda: “....y dispuso que se vendiese una leira de una fanega de sembradura que está al sitio que llaman Bouzoá y que su importe se convierta en sufragios por su alma”. Na marxe desta partida figura esta nota: “Vendiose dicha leira a Fco. Dacal, vecino de Domiz, en once ducados y medio que fue tasada por hombres”.

Adherido a unha folla do Libro de Autos, tamén se acha un documento que subscribiron varios veciños de Recemunde perante don Francisco de Orxais, prior de Barxa e rexente de Salcedo naquela época. Este documento que transcribo fielmente, sen engadir nin suprimir unha soa letra, amósanos de que xeito a Igrexa aseguraba os seus dereitos. Di así: “En el lugar, coto y Fsia. de Sn. Jn. de Salcedo, a cinco dias del mes de marzo, del año de mil seiscientos noventa y cinco, aparesciendo presentes Jn. Dacal, Fco. Macia, Fco. do Souto, Domingo Mendez, todos vvs. del lugar de Recimunde, Fsia. de Lamayglesia y dijeron que por si sus mujeres, hixos, herderos y es herderos se obligaban de pagar un real de derechura a la iglesia de Sn. Jn. de Salcedo, el qual real antes de ahora, ellos y sus antecesores, desde tiempos inmemorables, lo pagaban y lo pagarán a lo adelante, el qual real esta hipotecado en la leira que se dice do Pumar, sita en el lugar de Recimunde, de que llevan y labran los dtos. y sus coherderos, los cuales todos juntos, de común, a voz y uno y cada uno de por si se obligan a la paga de dto. real cada año pena de exaución y constan siendo testigos...” (Seguen as sinaturas).

Sexa cal for a orixe desta obriga, segundo este documento e as leis vixentes naquela época, o crego desta parroquia podía esixir aquel tributo anual aos posuidores da finca hipotecada ou desafiuzalos da mesma se non pagaban o convido.

No reverso deste documento figuran as datas de entrega por varios anos, e a última corresponde ao período que vai de 1781 até 1785, ambos incluídos.

Moito antes de ser construída a ferraría de Loureiro, que a xulgar pola data que figura no lintel da porta do casarío, sitúase no ano 1783, xa existiu naquel lugar unha ermida ou capela chamada de San Martín coa advocación de San Caetano, e aínda que Loureiro estaba dentro da demarcación de Lamaigrexa, cando esta parroquia comprendía os lugares de Domiz, Couso e Río de Bois, dita capela e os veciños que vivían naquel lugar, pertencían á igrexa de Salcedo, como o demostran varias partidas que lin e os datos que seguen: no ano 1764 nun auto de visita, o bispo de Lugo don Juan Sáenz de Buroaga, por medio do seu secretario don Andrés Sobrino Taboada, mandaba ao cura de Salcedo entre outras cousas “....que dicho parroco precise al patrono de la hermita o capilla de San Martin de Loureiro, sita en los terminos de la feligresia de San Juan de Salcedo, que está arruinada y profanada, la compongan y pongan adro y procure ordenarse para cumplir con sus cargas como la fundación lo previene y porque en ella se contiene que al patrono de esta hermita la tenga decente y limpia para celebrarse en ella el santo sacrificio”.

Consonte estes datos, cabe supoñer que esta ermida, aínda que anexa á igrexa de Salcedo para o seu uso ou celebración do culto, pertencía a unha fundación e tiña o seu patrón propio, quen debía conservala en bo estado. Como en Loureiro aínda existe o local do que foi unha capela, puidese ofrecer dúbida a afirmación de que a que hoxe se conserva bastante ben, agás o teito que se derrubou hai pouco, é a mesma que mencionan os autos. Coa excepción de que alguén mellor informado poida aclarar esta dúbida, atrévome a dar a miña opinión ao respecto. É posíbel que o patrón da vella ermida de San Martín non conseguise da súa fundación a axuda necesaria para reconstruíla, nin o párroco de Salcedo acadase do bispado os fondos que requiría esta edificación, engadindo a esta conxuntura que tamén a igrexa de Salcedo ameazaba en ruínas e tivo que ser reconstruída, polo que, tanto a fundación como a nosa igrexa, prescindiron daquel santuario.

Coido así mesmo que, con posterioridade, os nobres da casa de Lemos, donos deste lugar, tendo en conta a importancia de Loureiro pola súa ferraría e por ser punto de tránsito entre A Pobra do Brollón e O Courel, consideraron necesario construír outra capela pola súa conta e da súa propiedade, talvez no mesmo soar da anterior, pois só así se explica que o comprador desta finca co seu casarío e todas as súas dependencias, puidese dispoñer do local da capela para outros fins e vender o seu retablo, que hoxe se encontra na igrexa de Lóuzara, o que non podería facer se sobre esta ermida tivese dominio o bispado ou algunha orde relixiosa.

Despois desta investigación e de salientar os datos e anotacións que, creo, son de interese para publicar, quero rematar a miña exposición invitando ao lector a esta reflexión: nos distintos libros do noso arquivo parroquial, que abranguen un período de case catro séculos, figuran os nomes de centos (quizais miles) de persoas que no seu día, como nós hoxe, foron veciños desta parroquia de Salcedo e que no seu diario quefacer, cultivaron estas mesmas terras e deron nome a estes lugares, trazaron estes camiños coa pegada das súas pisadas e co tránsito do carro, e a eles debemos a construción de todas estas vellas casas que para moitos de nós, un pouco melloradas, seguen sendo a nosa morada.

 

Antonio Rivera

 

Artigo aparecido na revista Pascua, Salcedo, 1981

 

Tradución, Alberte González