SALCEDO HAI DOUSCENTOS VINTE
ANOS
No noso desexo de achar datos documentais que se
refiran a Salcedo en tempos antigos, puidemos ver o Interrogatorio desta
parroquia confeccionado o nove de xaneiro de 1753 na Pobra do Brollón, onde
compareceron en representación desta freguesía o señor cura párroco da mesma,
don Manuel de Valbuena; o home bo ou pedáneo, Patricio Dacal; e Pedro Moreira
como perito. Interviñeron tamén como peritos designados polo delegado de Súa
Maxestade, Enrique Salcegama de San Martín de Ferreirúa e Manuel do Souto de
San Pedro de Valverde.
Estes señores, despois de seren advertidos da
responsabilidade que asumían, omitindo ou falseando datos, xuraron en forma
dicir a verdade e, deseguido, procederon á contestación do longo interrogatorio
ante don Enrique Pasarín Lamas, Delegado da Real Única (Facenda), actuando de
escribán don Andrés Antonio Picado y Varela, coa presenza de don Lázaro de
Hiebra Bermúdez, Alcalde da vila e xurisdición da Pobra do Brollón, e a
asistencia de don Andrés García como Corrixidor, Agustín Díaz de la Iglesia
como Procurador Xeral e Francisco Manuel de Valcárcel escribán de número.
O interrogatorio que imos salientar é unha especie de
censo agrícola, aínda que non sabemos se feito con fins estatísticos ou
fiscais. Consta de corenta capítulos cuxo cuestionario se refería ás distintas
producións, industrias e formas de tributar en toda España, mais neste caso
referíronse aos capítulos que tiñan aplicación nesta parroquia de Salcedo.
Contestando ás interrogantes dos primeiros capítulos,
dixeron que o nome desta parroquia era o de freguesía de San Juan de Salcedo,
describindo os puntos da liña ou perímetros que a separan das parroquias
limítrofes, cuxos datos omitimos por seren sobradamente coñecidos. Os veciños
que naquela época formaban aquela freguesía eran cincuenta e oito, entre os que
coidamos que estaban incluídos os do lugar de Bairán, posto que tanto para isto
como para outros datos lemos que “en
Salcedo y su feligresía...”; non así os do lugar de Domiz que foi posteriormente
agregado a Salcedo para efectos eclesiásticos, se ben para os civís segue
pertencendo á parroquia de Lamaigrexa. A este número de veciños de Salcedo e
Bairán hai que engadir catro máis que vivían da mendicidade e, aínda que eran
fillos desta parroquia, non foron incluídos en dito número por non teren terras
nin casa propia onde acubillarse.
As medidas máis usuais naquela época en Salcedo (e
quizais en toda esta zona) era o ferrado de sembradura
de centeo para medir labradíos, prados, soutos e montes, como así mesmo o
xornal para medir as viñas.
Deducimos que o ferrado de superficie tivo a súa orixe
no espazo de terra que na sementeira normal se cubría cun ferrado de gran de
centeo que pesaba vinte libras galegas; a superficie cuberta equivalía a vinte
e oito varas castelás en cadro, o que traducido ao sistema métrico resultaba
seiscentos cincuenta e cinco metros cadrados.
O xornal estaba en relación coa superficie da viña que
un home podía cavar nunha xornada, e dous xornais facían un ferrado. Nada
dixeron de cuartais e cuartillos.
Consonte o cálculo daqueles peritos, a demarcación da
nosa freguesía contiña tres mil setenta e tres ferrados de terreo, dedicados a
varios cultivos do xeito seguinte: mil trescentos ferrados a agro e barbeitos,
doce a hortalizas, seis a viñas e outros seis a parrais, corenta a prados,
trescentos a soutos, cen a toxeiras en propiedade, mil a montes comunais,
trescentos un a monte alto ou devesa e oito a terra inútil. As producións que
os nosos devanceiros sacaban deses cultivos eran moi precarias exceptuando as
castañas que, segundo declararon os interrogados, en cada ferrado de souto
había plantados doce castiñeiros, que resultaban tres mil seiscentos e a unha
medida de tres ou catro ferrados cada un, que en boa colleita podían producir
111000 (sic) ferrados de castañas verdes. Esta era a única produción abundante,
de aí que cando esta colleita fallaba, en moitos fogares presentábase o grave
problema da alimentación. Daquela o castiñeiro coidábase moito e cultivábase
intensamente por dúas razóns: por unha banda, porque para estas plantacións
podíanse aproveitar terreos fragosos de boa calidade que para outras especies
eran inútiles, e, por outra banda, porque este froito non estaba suxeito ao
pagamento de décimos. Outro cultivo moi coidado eran os parrais próximos ao
pobo. Aínda hai lugares que levan o nome de O
Parral. Houbo, así mesmo, viñas nas Laceiras,
no Castelo e en Paramedela, e, sobre todo neste último lugar, aínda nos amosan as
persoas maiores onde estaba a viña e onde estivo o lagar entre as ruínas daquel
casarío, pero todas estas plantacións fixéronse posteriormente.
Referente á gandaría, froitos e outras especies, non
citaron o número de cada clase, mais calcularon detalladamente a súa produción
e sinalaron os prezos de cada especie por unidade: un ferrado de trigo valía
cinco reales; o de millo, catro; o de
centeo, tres; un canado de viño, seis; o ferrado de castañas secas, cinco, e o
de verdes, real e medio; o cuartillo de manteiga, dous; unha galiña, dous; a libra
de cera, oito; unha vaca regular, vinte e dous, e unha tenreira, doce; seis
unha ovella e dous un año; unha cabra, seis, e un cabrito, tres; unha marrá
parideira, dez, e un leitón, catro; o salario dun braceiro mantido era de dous
reales.
En canto á forma de tributar e a súa contía, dixeron
que os veciños desta freguesía pagaban daquela unha de cada dez especies de
cereais ao cura; por cada vaca parideira, dous cuartillos de manteiga, e
dezasete maravedís por cada tenreiro.
Por primicia á fábrica da Igrexa, pagaban anualmente
dous ferrados de centeo cada un dos máis ricos; os medianos, ferrado e medio;
outros inferiores, un ferrado e dezasete maravedís os máis pobres.
Por un vello voto feito ao Apóstolo Santiago, cada
veciño que tiña xugada pagaba un ferrado de centeo, e medio ferrado os de media
xugada. Á Real Única pagaban, entre todos, douscentos cincuenta reales e vinte
maravedís, máis trescentos setenta e dous relaes ao Conde de Lemos por dereito
de alcabala. Ademais, os veciños que non tiñan terras de seu pagaban un prezo
convido de renda en grans aos señores ou donos desas terras, até que esa renda
foi redimida en metálico. O pagamento dos décimos ascendía a unha media anual
de dous mil reales o das primicias; o das primicias (sic) a corenta ferrados de
centeo, e a trinta e dous ferrados o voto do Apóstolo.
Naquela data, segundo declararon, non existía ningún
muíño como industria, porque o de Pérez nos Castreliños e o de Armesto en
Paramedela, ambos maquieiros, foron construídos anos despois, e os que houbo
noutros arroios eran soamente para servizo propio dos seus donos.
Ao declararen sobre a riqueza apícola, dixeron que no
termo da nosa freguesía había oitenta e seis colmeas distribuídas entre os
seguintes propietarios: Andrés Pérez, cincuenta; Pedro Armesto, dezaoito; María
Sánchez, catorce; Francisco González, dúas; Benito López, unha e Patricio
Dacal, outra. Aínda que pareza absurdo impugnar o que aqueles homes declararon
baixo xuramento, atrevémonos a dicir que o número de colmeas é moi baixo se temos
en conta o apoxeo que tivo a apicultura séculos atrás e a xulgar tamén polas
moitas alvarizas que aínda se ven baleiras e en ruínas na conca do Loureiro e
noutros lugares de Salcedo.
Como industria existía un só establecemento dedicado a
taberna e estanco, propiedade de Agustín Pérez, quen pagaba aos veciños por
este concepto e anualmente douscentos trinta e tres reales, para axuda do que
tributaban á Real Única, calculando que a dito establecemento lle quedaban de
beneficio anual oitenta reales pola venda de viño e tabaco.
Estamos case seguros de que ao lector lle semellará
mísera aquela produción, talvez inxustos aqueles impostos e irrisorios aqueles
prezos, pero se temos en conta as melloras que vai producindo o progreso, as
modificacións na Administración Pública e a constante escalada en todos os
ordes, quen nos asegura que cando teñan transcorrido outros douscentos vinte
anos, non resultará tamén precaria a nosa actual produción, inadecuados os
nosos impostos e irrisorios os prezos que hoxe rexen para os salarios e as
distintas especies que constitúen a nosa facenda?
Antonio Rivera
Artigo aparecido na revista La Voz
de Salcedo, 1972, Salcedo
Tradución, Alberte González