VARIOS ASPECTOS DO LOR
Existen dúas versións
distintas sobre o manancial que dá orixe ao río Lor: para uns a este río deulle
o seu nome o manancial Fonlor, pola mesma razón que o Miño o recibiu de Fonmiña
e o Ebro de Fontibre; porén, para outros a orixe do Lor é o manancial Fonmaior
ou Fonte do Cubo, quizais porque este ten maior caudal e aluma a súas augas
máis lonxe respecto a este río. En calquera dos casos, o río Lor ten a súa
orixe na parroquia de Zanfoga (concello de Pedrafita do Cebreiro), onde recolle,
ademais dos mencionados, outros mananciais e arroios que nesta zona son moi
abundantes. Neste municipio recibe as augas do arroio de Ríocereixa e outros
menos importantes, penetrando no termo do Courel entre Santalla e Trabazas,
onde cesan os carballos e comezan os soutos de castiñeiros. Por un leito
profundo e penedoso, no que destaca Pena Cerveira, chega a Seoane, fertilizando
as súas hortas e prados, e recollendo pola súa dereita o arroio Río Pequeno,
procedente de Paderne, e pola esquerda o de Moreda, formado polos soados
mananciais da Rogueira, para seguir o seu curso recollendo as augas calcarias
do Lóuzara, que ten a súa orixe en Louzarela. Nesta zona hai mananciais moi
abundantes tales como o de Santalla de Abaixo, que ten suficiente impulso no
seu nacemento para accionar un muíño. Co dobre de auga vertida polo Lóuzara e
seguindo a súa marcha, deixa a ambos lados os soutos de Folgoso, Eiriz,
Valdomir, A Campa, Vilamor, Vilar, Froxán, Portela e Xestoso, que aínda
resisten a filoxera ou tinta á vez que recolle os arroios de Vidallón, Castro
de Portela, Redeleiras e Ríoseco en Caxardín onde confinan os concellos do
Courel e A Pobra do Brollón. Dende este punto até Paradela, o Lor serve de
límite entre Quiroga e A Pobra do Brollón. No Bovidal, á altura de Paramedela,
o Lor aumenta nun terzo máis o seu caudal coas augas do Loureiro e, recibindo
máis abaixo o arroio de Valongo, vai franqueando os lugares de Bustelo e As
Caselas, entrando na veiga de Barxa onde recibe pola dereita o arroio de
Abelaira e pola esquerda o Reconco? Dende Barxa, con máis caudal e menos
ímpeto, semellando unha gran serpe de prata líquida, discorre preguizosamente
bordeando as curvas do seu leito, fertilizando dalgún xeito, os prados e terras
da Ponte (accionando o seu muíño), O Hospital, A Marquesa, Paradela, Castí,
Esmorelle, A Retorta, O Freixeiro e Santandrea, tendo recibido no seu seo o
Mallo, o de San Pedro no Conceado e o Rigueiral xunto a Margaride, e despois
dun percorrido de sesenta quilómetros aproximadamente desemboca no Sil pola
parroquia de Augas Mestas, na que recibe o fluxo de ancoro de Santo Estevo.
Despois de citar a
maior parte dos mananciais e arroios que forman o río Lor, volvemos ás terras
do tramo alto deste río para describir moi sinxelamente os recursos ecolóxicos
e mineiros que teñen as montañas que configuran a súa conca. Ademais da riqueza
que contén o extenso bosque da Rogueira, situado na ladeira norte do Pía
Paxaro, contamos cos castiñeiros dos seus canellóns e coa repoboación de
piñeiros feita polo Patrimonio Forestal noutros montes desta zona. Neste
sistema montañoso que comprende o municipio do Courel e parte dos concellos da
Pobra do Brollón, Samos e O Cebreiro, existen valiosos filóns de ferro, cal,
mármore, lousa e outros minerais de gran importancia tales como os que xa se
explotaron en Santa Eufemia e os que se están explotando en Rubiais. Os nosos
devanceiros, cos medios rudimentarios que tiñan, xa sacaron proveito destes
filóns e construíron ferrarías das que a penas quedan vestixios. Así, menciónase
a ferraría de Seoane e a ferraría vella de Loureiro, que estivo emprazada en
Santigoso, de aí que este lugar tomase o nome de Mazo de Santigoso.
Posteriormente, a
comezos do século XVIII, os homes daquel tempo, tendo en conta as condicións
favorábeis desta zona en canto a minas e combustíbel para fundir e elaborar a
súa produción, e tomando por modelo as fundicións que había en Euskadi,
construíron outras ferrarías máis modernas dirixidas por un encargado técnico
tamén traído do País Vasco, que en éuscaro se chamaba aroza. Desta época son as ferrarías de Seoane, Valdomir e Barxa no
río Lor; a de Lousadela no río Lóuzara; e a de Loureiro na paraxe e río deste
nome. Na construción e funcionamento destas ferrarías, situadas necesariamente
á beira dun río en zonas de minas e que ademais de local para fundición e
forxas cos seus accesorios, tiñan casa vivenda de aspecto señorial e
dependencias para a explotación agrícola, foi necesario construír estribo de
presa e canle para conducir a auga que accionaba os mazos, ponte sobre o río e
camiños por zonas inaccesíbeis para transportar o mineral e o combustíbel para
fabricar os útiles desexados. Estas obras supuxeron moitas xornadas de traballo
e un gran investimento económico. Destas ferrarías a de Barxa foi propiedade da
casa de Tor de Quiroga e a de Loureiro pertenceu ao Duque de Alba dos nobres de
Monforte.
As minas máis
importantes do Courel, entre outras, foron as da Veneira de Roque no termo
municipal da Pobra do Brollón, das que se fornecían os serradoiros de Loureiro
e os de Barxa no Lor, cuxo transporte supoñía para os carreteiros percorrer a
distancia de quince e vinte quilómetros, respectivamente, por camiños de
tránsito perigoso para a xugada e para quen a conducía. Afírmase tamén que para
esta ferraría de Loureiro transportouse mineral das antigas minas de Tudrigo
nas costas de cabalarías. Estas ferrarías, no seu tempo, tiveron gran apoxeo;
nas súas forxas fabricábanse os apeiros do campo e os utensilios metálicos do
fogar. Pero no último cuarto do século XIX, estas vellas fundicións e forxas
deixaron de funcionar porque cos seus medios obsoletos de fabricación non
puideron competir cos modernos Altos
Hornos instalados en Bilbao que, fabricando en serie e coincidindo coa
posta en servizo do ferrocarril Palencia-A Coruña, fixeron chegar ao comercio
de Galiza toda clase de utensilios máis baratos e de mellor factura. Dende
aquela, todo o movemento de transporte e fabricación destas ferrarías quedou
reducido á simple explotación das súas terras.
Malia que o río Lor
discorre por unha conca pouco poboada, crúzano moitas pontes e pasarelas da
máis variada estrutura: de madeira, pedra, formigón e ferro. Ademais das
pasarelas que imos omitir, no seu tramo alto existen para o tráfico rodado as
pontes de Trabazas, Esperante, Seoane, Ferreirós de Abaixo, na estrada de
Quiroga, Seoane, Valdomir, Vilar e Froxán. A partir do Bovidal, no seu tramo
baixo, houbo unha ponte para a ferraría de Barxa que foi arrastrada por unha
riada e no seu lugar foi colocada hai pouco unha pasarela de ferro por socios
da Venatoria para o servizo da súa afección.
E seguindo esta orde
chegamos ao máis antigo. Como a antiga ruta ou camiño real Ponferrada-Quiroga-A
Pobra do Brollón-Sarria tivo que atravesar necesariamente o río Lor, a primeira
ponte que se construíu foi a chamada impropiamente Ponte romana do Lor, entre o
Hospital da Trampilla e a igrexa de Barxa, establecendo así un paso seguro e
permanente para os arrieiros que durante séculos utilizaron este itinerario
para o transporte das súas mercancías entre Castela e Galiza. No tocante á data
de construción, se nos atemos á que figura nunha pedra lousa colocada
verticalmente nun dos seus peitorís e que hai pouco se esboroou ao río, esta
ponte é case milenaria. En dita pedra figuraban as seguintes cifras e letras: 1000-LU. A realidade é que a ponte data
do século XVI, debéndose o seu nome á imaxinaría popular. Esta construción está
incluída no Patrimonio Nacional de Belas Artes, cuxa Dirección reconstruíu os
seus peitorís e limpou os seus paramentos.
Dende este punto até o
Sil, a primeira ponte para o tráfico rodado foi edificada no Freixeiro na
década que vai dos sesenta aos setenta do século pasado pola compañía de
construción do ferrocarril para o tránsito de persoal e o acceso de materiais
dende a estrada de Quiroga. Rematados os traballos do ferrocarril neste tramo,
a compañía non se preocupou máis de dita ponte, que foi levada por unha
enchente, sen que os veciños dos lugares afectados por falta de medios e unión
foran quen de reconstruíla.
A comezos do século
XX, para a estrada Nadela-Campos de Vila levantouse a ponte entre a Marquesa e
Paradela, que utilizaron até hai pouco as aldeas do baixo Lor como único paso
entre eles para o tráfico rodado, dando un rodeo de moitos quilómetros. Pero o
paso máis polémico deste río, durante este tempo, foi o do Freixeiro, por ser o
punto central a varias aldeas. Os veciños destes lugares interesados,
reiteradas veces formularon peticións dunha ponte ao concello de Quiroga,
acompañadas de troitas e anguías dos caneiros do Freixeiro e de Margaride, coas
que celebraron fartas os políticos aproveitados sen levar a cabo a obra.
Viñeron os tempos da
República e a necesidade dunha ponte no Freixeiro foi motivo de propaganda para
os que presentaban a súa candidatura naquelas disputadas eleccións,
prometéndolles aos electores da mesa do Sobrado a inmediata construción da
ponte do Freixeiro se os votaban. Nin os que saíron da Administración, nin os
que entraron, realizaron a obra. Por fin, moitos anos máis tarde, coa política
de construción de accesos a todas as aldeas, chegoulle a vez á tan desexada
ponte do Freixeiro, no que puido influír a RENFE para a mellora do acceso ao
seu apeadeiro.
Os tempos mudaron e o
progreso avanza. Cando as aldeas do baixo Lor menos o esperaban, sorprendeunas
a construción da nova vía de accesos a Galiza, que no seu trazado sobre as
curvas tan pronunciadas do río Lor, deu lugar a feitura de oito pontes, dende
Paradela até o Sil nunha distancia de pouco máis de tres quilómetros, aforrando
a construción doutras tres pontes con desviacións no Lor. Non se coñece outro
caso igual na nosa rede de estradas.
A realización desta
estrada nacional, chamada impropiamente autopista, cos seus desmontes e terrapléns,
cambiou a orografía desta ribeira do Lor e reduciu considerabelmente a área de
cultivos dos seus agricultores con grave prexuízo para os mesmos. Por outra
banda, esta nova vía deu lugar á edificación de luxosos restaurantes aos que
acoden camioneiros de paso e xentes de toda esta comarca para saborear as
anguías do Lor, capturadas en grandes cantidades na Piscifactoría de Retorta,
preto do Freixeiro.
Nesta modesta
reportaxe describimos superficialmente distintos aspectos da conca do Lor e da
importancia das súas augas para aquelas vellas forxas. Pechamos a nosa
colaboración co desexo e a esperanza de que os homes de hoxe, cos poderosos
medios mecánicos de que dispoñen, volvan explotar os recursos minerais destas
montañas e de que o proxecto dun ancoro en Vilamor e outro en Barxa sexan unha
realidade, para que as augas cristalinas do Lor se convertan en ouro líquido,
movendo turbinas que produzan calor, luz e forza.
Antonio Rivera
Artigo aparecido en A Voz de Salcedo, Nadal, 1983
Tradución, Alberte González