|
A NOITE DE SAN XOÁN
En moitos lugares de Galiza e dalgunha outra parte de España, por unha tradición probabelmente de orixe pagá, na noite de San Xoán facíanse fogueiras nas prazas e encrucilladas, coa crenza de que así se escorrentában os malos espíritos provenientes, segundo os supersticiosos, das xuntanzas das bruxas onde se reunían e celebraban orxías co demo. Mais, a medida que os pobos foron desterrando vellas supersticións e asimilando novas culturas, aqueles ritos fóronse extinguindo e actualmente poucos son os lugares que acenden as fogueiras, sendo estas reminiscencias daquela tradición.
Para Salcedo a festividade de San Xoán era moi sinalada. En primeiro lugar, porque o verdadeiro patrón desta parroquia é San Xoán Bautista, en cuxa honra se celebraba unha misa solemne, sendo un día rigorosamente festivo; en segundo lugar, porque esta noite de San Xoán, seguindo unha antiga tradición, os mozos de Salcedo facían traxugadas que, como veremos, non tiñan a finalidade das fogueiras, pero gardaban relación con estas, pois os mozos en vez de facer lume para escorrentar os demos, tamén eles facían diabruras ás que lles chamaban traxugadas, só aturadas nesta noite, e que consistían en pechar as portas por fóra a outro veciño, atrancar os camiños con apeas, colgar arados e outros apeiros nas árbores e, sobre todo, roubar carros e presebes para levalos lonxe da casa do dono mentres este durmía.
Como o costume de facer as traxugadas na noite de San Xoán durou séculos, e todos os anos se realizaba algunha digna de mención, sería imposíbel describir todas as que foi transmitindo a tradición oral; por iso, imos citar só algunhas referidas polos propios protagonistas, que aínda viven.
Contan que nunha casa de Salcedo, na que había varias mozas e mozos, esa noite quixeron gastarlles unha broma sacándolles o burro da corte e subíndoo en brazos á parte superior da escaleira, suxeitándoo co ramal ao postigo da porta. Así pasou o resto da noite o animal e, pola mañá, cando o dono quixo saír tirando da porta cara a dentro, o burro, resollando forte, tiraba cara a fóra; despois duns momentos de forcexo sen que a porta se abrise, alarmouse toda a familia e aquel señor tivo que pedir axuda a outros veciños para saír por unha ventá e para baixar o burro da escaleira en brazos, porque o animal, acovardado, resistiuse a baixar.
Contan tamén que outra desas noites os mozos levaron outro burro ao adro da igrexa, onde o prenderon a unha estaca e, como daquela a nosa torre tiña unha escaleira de acceso exterior, subiron ao campanario, atando a punta dun cordel ao badalo da campá e a outra á cabeza do burro, ao que lle puxeran forraxe no chan á distancia precisa, de xeito que para comer tensaba o cordel e facía soar a campá. O crego logo de ouvir a campá varias veces e crendo que eran mozos, asomouse á ventá e dixo que deixasen de xogar coas cousas da Igrexa, pero como a campá seguía soando, o cura saíu coa escopeta para intimidar os supostos mozos e atopouse co burro que estaba comendo na forraxe ao son da campá.
Noutra ocasión certo veciño de Salcedo, que aínda vive, foi advertido pola familia de que vixiase o presebe para que non o levasen; uns mozos que sabían do caso, enganárono convidándoo a ir con eles a facer outra traxugada e, entrementres, outros sacáronlle o presebe da corte, poñéndoo á porta doutro veciño e dende alí, o noso home, axudou a transportalo, sendo el o máis interesado en levalo lonxe. Mais, o caso deste home e deste presebe non remata aquí. O señor, como o enganaran e tal suceso deu lugar a risos e mofas por parte dos demais veciños, ao ano seguinte puxo grande empeño en que non se repetise o roubo do presebe e, para maior seguridade botoulle uns mañizos de palla e deitouse nel. Pero como viña rendido por mor do traballo, ao pouco de se deitar quedou profundamente durmido, circunstancia que aproveitaron os mesmos ladróns do ano anterior, que estaban ao axexo, logrando, con moito coidado, sacar da corte o presebe co seu dono durmido, e levalo lonxe da súa casa. Podemos imaxinarnos cal sería a sorpresa desta persoa ao espertar e cal sería a chanza que isto suscitou entre os parroquianos.
Outro veciño de Salcedo, nunha destas noites, desconfiando que lle fosen levar o carro, deitouse nel cubríndose cunha manta; ao igual ca o anterior, tamén o sono o traizoou e quedou durmido. Os mozos que o observaban de cerca, suxeitárono suavemente ao carro cunhas lazadas de corda e, despois, tirando do carro a gran velocidade, levárono ás aforas do lugar, onde o deixaron berrando até que, con moito esforzo, conseguiu verse libre daquel secuestro.
Estes sinxelos acontecementos que ofrecemos ao lector a través destas liñas e outros moitos que se sumiron no esquecemento co devir dos anos, tiveron unha orixe remota e durante séculos formaron parte dos costumes e pasatempos dos nosos devanceiros, que souberon facer máis grata a súa convivencia, uns con humor e outros con tolerancia; en tantos anos como se practicou o hábito de facer traxugadas, soamente en dúas ocasións fallou a tolerancia e o humor.
A comezos deste século, un veciño de Salcedo, a quen lle levaran o carro lonxe do lugar, denunciou o feito por roubo. O xuíz, coñecedor desta tradición, non condenou aos denunciados, considerando que o móbil de tal acción era un costume e non a intención de causar un dano ao denunciante.
Outro feito, nunha destas accións, resultou máis desagradábel: a un veciño leváronlle os mozos un pau grande e colocárono a xeito de ponte sobre un camiño fondo. Cando o dono tentou recollelo, sen axuda, o pau escorregou, esmagándoo no acto, sen que por isto se seguise causa contra os autores daquela traxugada, que por desgraza desembocou nunha traxedia.
Antonio Rivera
Artigo aparecido na revista Voceiro de Salcedo, 1981, Salcedo
Tradución, Alberte González
|