FESTAS E VELLOS COSTUMES DE SALCEDO:
Antonio Rivera
Para descubrir vellos costumes da nosa aldea e cómo facían as súas festas, imos establecer un breve calendario para sinalar as datas en que parte delas tiñan lugar.
A noite de fin de ano os mozos de Salcedo doutros tempos, acompañados de homes xa maiores, reuníanse na cantina e como entón non se falaba de uvas nin de cava, celebrábano cun simple magosto e abundante viño e augardente.
Despois dunha longa sesión de contos, cantos e animado faladoiro, dirixíanse cantando cara ao barrio de Bairán, onde veciños obsequiaban aos da rolda con viño das súas colleitas, froitas e o mellor das súas despensas.
O barrio de Bairán celebraba todos os anos a festividade de Ano Novo cun baile que para eles equivalía a unha festa de ano sen deixar de celebrar no seu día a festa da parroquia.
Entón viría o cinco de xaneiro; daquela os nenos de Salcedo non escribían aos Reis Magos pedíndolles xoguetes, a súa única ilusión nesa data era posuír un bonito ramo de loureiro adornado de laranxas e mazás e formar grupos para cantar panxoliñas en Salcedo e nas aldeas próximas.
Houbo unha época en que a festividade dos Reis en Salcedo tivo tal auxe que mesmo a nosa banda de música acostumaba saír ese día cara ás aldeas da ribeira do Lor, interpretando bonitas pezas en todas aquelas casas. Eran fermosas de ouvir aquelas modalidades de panxoliñas.
Os nosos músicos, recibían pola súa actuación donativos de chourizos, froitas e cantidades en metálico. O diñeiro reunido destinábano a mesteres da banda e coas especies, se cadra, unha grande merenda para toda a mocidade.
O quince de xaneiro, desde tempo inmemorial até o ano 1870 , celebrouse o San Amaro como festa do ano desta parroquia de Salcedo.
Esta festa, como cadraba co tempo da matanza dos porcos, era día de grandes enchentes. Por aquel entón, o menú dunha festa de aldea, consistía en abundante carne de cabra ou año, lacón, cachucha, longaínza e xarretes. Varias veces ouvimos contar aos nosos avós dun grupo de forasteiros que acudían a esta festa para celebrar as súas competicións gastronómicas.
Ese día había abundancia en todos os lares, porque os máis ricos facían agasallos aos máis pobres. Os que non sementaban viño ían buscalo até Quiroga porque o vello refrán así o aconsellaba: "Sexa bon sexa ruín que pase o pao de Nabín". Daqueles tempos data unha sátira que a inventou algún forasteiro: "Se vas ao San Amaro a Salcedo leva pan non seo". Non cremos que isto tivese aplicación na nosa aldea, porque aquí os forasteiros atopábanse como na súa propia casa.
E xa estamos en entroido, pero con moitos días de antelación tiña lugar esa barafunda de tinxirse e mollarse, sobre todo o chamado "Domingo Corredoiro", á saída da misa, os mozos formaban verdadeiras nubes de cinza sobre as persoas que saían da igrexa.
Os xoves de compadres e de comadres eran días moi sinalados, as mozas formaban grupos e facían o seu compadre e os raparigos as súas comadres, tendo grande interese ambos sexos en se roubar esas figuras. Os compadres eran queimados desde as xanelas, e as comadres, escoltadas polos mozos percorrían a aldea até subir ao adro da igrexa onde se queimaban ao son dun balbordo de voces xuvenís.
Cos disfraces de entroido, Salcedo acostumaba representar todas as cousas que estaban de actualidade a maneira de pequenas obras de teatro que, sen ensaio nin guión, resultaban do agrado de propios e estraños e deron á nosa aldea popularidade neste senso.
É verdade que entre aqueles disfraces se exhibiron números que hoxe resultarían ridículos e molestos, pero os nosos antepasados tolerábanos.
Salcedo, en toda esta bisbarra é a única aldea fiel á tradición dos entroidos.
Había outro costume que non sabemos tivese parangón noutras aldeas: todos os anos un veciño doaba un porco leitón a San Antonio. Este cocho que atendía por "Antón", desde pequeno acostumábase a percorrer as rúas de porta en porta, onde todos lle daban de comer. Cando debía ser sacrificado vendíano, e o importe recollíao o Sr. cura para a celebración de misas a San Antonio, intercedendo pola protección dos animais contra a peste. Ademais disto, todos os anos na primavera celebrábase unha misa solemne ao mesmo santo e con igual fin, mediante a colecta de "lacóns", "cachuchas" e donativos en metálico que os veciños ofrecían a dito santo.
O vintecatro de xuño, día de San Xoán Bautista, honrábase ao noso patrón cun día rigorosamente festivo e unha misa solemne. En moitas capitais a noite que precede a este día, por unha antiga tradición, facíanse fogueiras, mentres que en Salcedo a mesma noite, tíñase por costume facer "traxugadas" que consistían en "roubarlle" o carro, o arado ou calquera outro apeiro a un veciño e levarllo lonxe da casa. Tamén se acostumaba cortar camiños con trabes ou outros obstáculos.
Nunha destas noites, un grupo de mozos para lle subtraer o presebe da corte a outro veciño, enganaron a este convidándoo a ir con outro grupo e cando o presebe estivo xa fóra e diante da porta doutro veciño, chamaron ao mesmo dono para que axudase a levalo ao campo da festa, pero o gracioso foi que o dono sen saber que o presebe era seu, foi el o promotor de o subir ao Mudillón.
Como despois o amolaban con aquela brincadeira, ao ano seguinte tivo grande interese en non deixarse enganar e para maior seguranza decidiu deitarse no presebe, pero como naquela época do ano a xornada de traballo para a xente do campo era longa e dura, o noso home ao pouco de se deitar, quedou profundamente durmido, circunstancia que aproveitaron os mesmos "ladróns" do ano anterior, que estaban ao axexo, lograron transportar o presebe e o seu gardián a medio quilómetro da súa casa.
Por comentarios que ouvimos na nosa infancia a persoas anciás, sabemos que Salcedo durante moito tempo celebrou feira mensualmente até o ano1870. Por desacordo entre os veciños de máis influencia sobre o emprazamento do campo para a mesma, non habendo posíbel conformidade, suspendeuse definitivamente.
Nese mesmo ano, Don Ramón Armesto Monseo, con motivo da súa festa onomástica proferiu que ese día se celebrase o San Ramón como festa de ano, proposición que aceptou gustosamente toda a parroquia dada a influencia que exercía sobre os seus veciños e o aprecio que todos lle tiñan, ficando así suspendida a festa de San Amaro e instaurada a de San Ramón.
egundo os nosos datos, a nosa festa conta pouco máis dun século, sen que neste tempo deixase de se celebrar un só ano.
Por último contar que cando tiña lugar un casamento, era costume que os noivos, ou o que os apadriñaba, lle tivesen un baile á mocidade, pero cando os do casamento eran avarentos ou se facían os desentendidos para eludir ese gasto, reuníanse todos os mozos provistos dos máis variados instrumentos musicais, latóns, chocas, etc, e esta "Orquestra" acudía todas as noites á porta dos acabados de casar até que a estes se lles esgotaba a paciencia e preferían pagarlle ao gaiteiro ca soportar tan desagradábel concerto.