Salcedo na Rede - Rememoración
Inicio arrow Rememoración
PDF Imprimir E-Mail
REMEMORACIÓN

Mentres non existiron vías de comunicación nin outros medios que hoxe permiten que chegue o progreso aos máis recónditos lugares, as remotas aldeas foron como unha arca onde se gardaban aparellos e costumes ancestrais. Pero o avance da técnica despraza os vellos medios de labor, e a corrente de todo o moderno vai modificando mesmo a nosa linguaxe e alterando, en todos os aspectos, a monotonía da vida rural.

No tocante ao agro, pode dicirse que a primeira metade do século XX foi unha etapa de transición que permitiu pasar dunha longa época en que as faenas do campo se realizaban con apeiros case primitivos, á que comezou xa co emprego de útiles modernos de tracción mecánica para os distintos labores agrícolas.

Pola nosa parte, tendo en conta que as novas xeracións, malia a súa avidez por todas as innovacións, se mostra interesada por adquirir obxectos vellos xa en desuso e ver reportaxes escritas ou televisadas sobre antigos costumes e xeitos de vida que se van extinguindo co progreso, queremos ofrecerlles este comentario a través de A Voz de Salcedo, para rememorar o antiquísimo sistema de mallar ou degrañar o centeo e o trigo, e dos especiais coidados e labores que hoxe non se teñen en conta para estes cultivos, desexando que a nosa simple reportaxe sexa de interese para os vindeiros e de grato recordo para os que aínda tomaron parte neste traballo. Empregaremos vocábulos que quizais non figuren no dicionario galego, pero que adquiriron propiedade no idioma vulgar dos nosos devanceiros, polo menos nesta comarca do Val de Lemos e a súa contorna.

En primeiro lugar, debemos ter en conta que nesta parte de Galiza o centeo era o cereal que máis abundaba e que, así como agora se reduce o seu cultivo e produción maioritariamente á elaboración de pensos, noutrora foi moi estimado como alimento para as xentes e como un aporte económico importante. Con este froito pagábanse os tributos do foro, mentres non se emanciparon as terras suxeitas a este gravame. Os labregos facían votos e ofrendas de gran de centeo, que cumprían relixiosamente, entregándoos nesta especie e non na equivalencia en metálico, e con gran de centeo pagábanse as cotas das confrarías, as da festa patronal e a escola aos mestres non profesionais que daban clases nocturnas. Debido ao que significaba esta colleita na vida económica dos fogares, o seu cultivo coidábase e protexíase dende a sementeira até a recolección. Segundo un vello costume, que constituíu lei, as fincas sementadas de centeo ou trigo tiñan o privilexio de quedar exentas de paso sobre estes terreos durante o seu ciclo, limitando as fincas dominantes a unha servidume cadaneira ou alterna. Estas limitacións tamén rexían para a condución de gandos polos camiños que atravesaban unha zona sementada de centeo, en cuxas entradas e saídas se colocaban cerramentos que, dende o once de novembro até mediados de xullo, desviaban os rabaños pola parte do agro que alternativamente quedaba a barbeito. Estes peches temporais deron lugar aos topónimos de A Porteleira da Branxona, A Porteleira do Chao, A Porteleira da Agra, etc.
Naquel tempo, máis ca agora, había rigoroso coidado en que ningunha parcela sementada de centeo ou trigo quedase sen o seu ramo de loureiro bendito, ademais, encomendábase ao cura a celebración de rogativas pola conservación destes terreos sementados e o desconxuro se ameazaba treboada.
A seitura facíase con grande animación e harmonía. As cuadrillas de alugados, que ían dunhas aldeas para outras buscando sega, e outras persoas que acudían de roga, animaban o ambiente coas súas cancións e por todas as partes ouvíase o son típico da seitura, que dende tempo inmemorial se cantaba soamente nas segas coa seguinte letra, composta talvez polos nosos segadores en Castela:
Vamos andando y segando
Mayoral de la cuadrilla,
Vamos andando y segando
Que así se gana la vida.
Como calquera traballo lícito, por duro e rudo que sexa, pode resultar grato se poñemos nel ilusión, así tamén aqueles segadores, homes e mulleres, malia a incomodidade e o esforzo que supoñía iren curvados sobre os sucos manexando o fouciño e atando feixes todo un día de calor, cantaban con ledicia, os alugados estimulados polo salario que gañaban coa súa suor, e os demais pensando no pan que se habería facer máis tarde co gran daqueles cereais que ían batendo. Temerosos de que un pedrazo arruinase a colleita, os que antes remataban a sega ían a escape axudar aos que ían máis atrasados.
Unha vez feita a carreta dos medeiros á aira (eira), organizábanse grupos de veciños e acordábase o día en que cada un debía mallar. Os útiles ou mallos, que se usaban para degrañar os cereais, constaban de dúas partes de madeira: moca e pértigo, unidos lonxitudinalmente por unha articulación de coiro que lles permitía facer flexión ao golpear. O número de homes para este traballo, que esixía habilidade e esforzo, oscilaba, segundo a colleita, entre seis, doce e, mesmo, dezaseis. Nun espazo delimitado da eira dispoñíanse os mollos ou feixes, tendidos uns sobre outros de forma graduada, procurando que as espigas quedasen na superficie e en fileiras. Sobre este airado colocábanse, enfronte e a distancia conveniente, dous equipos de igual número de homes provistos dos seus mallos, un equipo cedendo espazo cara atrás e o outro avanzando e ao acabar a fileira facíano de xeito contrario. Os dous bandos golpeaban sobre as espigas con toda a súa forza, pero o interesante para os homes de cada equipo non era só golpear forte, senón facelo todos a un tempo e cada un no sitio xusto que lle correspondía para que os pértigos non chocasen uns cos outros nin no ar nin no chan; ao equipo que non compasaba dicíaselle que levaba a ovella. Ás veces chegaba a tal extremo a rivalidade que máis ca un traballo duro, parecía unha competición deportiva na que cada equipo esforzábase por facer soar máis e mellor o seu golpe. Estas competicións daban lugar a risos, bromas irónicas e, nalgunha ocasión, a violentas discusións que se calmaban cun grolo de viño. Pouco antes de rematar as fileiras de cada airado, os malladores formaban rolda e coas mans xunto á cara apoiadas no mallo, berraban moi forte e ao unísono: Á aira, mulleres, á aira. Acabai de vir que vos é tardeeeee. Ouuuuuuhhhhhh!!!! A esta chamada acudían as mulleres que recollían a palla degrañada, separándoa coidadosamente do gran asemade os homes transportábana ao palleiro até deixar a eira limpa para facer un novo tendido de mollos, operación que se repetía cinco ou seis veces ao día.

O día da malla era moi significado, case unha festa pola boa mesa que se servía e pola harmonía que reinaba en todos; tanto era así que, en moitos casos pola noite despois de cear, organizábase un baile co gaiteiro ou unha ruada na que cantaban todos pola aldea até a deshora, sen que esta trasnoita lles restase forzas ou animación aos malladores para reemprender o mesmo traballo ao día seguinte noutra eira. Mentres non se dispuxo de máquina arxiladora, esta tarefa facíana as mulleres lentamente coa axuda do vento, colocadas de pé sobre un tallo, dende onde deixaban caer o gran en chorro que chegaba ao chan separado do po. Como ás veces había que agardar a que o vento soprase favorábel, nas eiras que non había casetas para gardar o gran sen limpar, improvisábase unha chabola de palla chamada parrocha, dende a que o dono e nenos aos que lles gustaba acompañalo, vixiaban a pequena parva durante a noite, aínda que cremos que esta garda facíase máis por rutineiro costume ca por necesidade.

Esta vella modalidade de mallar e arxilar o centeo, que sería tan antiga como o seu cultivo, viuse alterada coa aparición das máquinas malladora e arxiladora a principios deste século, concretamente en Salcedo a malladora foi utilizada por primeira vez no ano 1915. En principio, malia que todos admiraban o novo apeiro, os pequenos labregos facían obxeccións a este traballo e considerábano útil soamente para os grandes colleiteiros e en eiras de folgado espazo; pero, aos poucos anos, o novo sistema foi definitivamente empregado por todos e só nos dous anos seguintes á Guerra Civil, por escaseza do petróleo, volveron usarse os vellos mallos xa acantonados. Dende entón a técnica seguiu enviando ao mercado máquinas malladoras, cada vez máis perfeccionadas, e xa existe a posibilidade de utilizar no noso agro a moderna colleitadora, polo que podemos afirmar que xamais volverá empregarse este rudo procedemento de degrañar os cereais a paus. Hoxe, que aínda se conservan mallos e que viven persoas que saberían reconstruír unha daquelas mallas perante unha cámara televisiva, coidamos que tamén sería interesante e posíbel levar á pequena pantalla e legar ás vindeiras xeracións a imaxe filmada daquel antigo sistema de traballo.

Antonio Rivera
Artigo aparecido na revista A Voz de Salcedo, agosto, 1978
Tradución, Alberte González
 

 
< Anterior   Siguiente >