Salcedo na Rede - Vestixios Historicos
Inicio arrow Vestixios históricos
PDF Imprimir E-Mail
VESTIXIOS HISTÓRICOS



Entre os vestixios que deixaron da súa cultura arcaica no termo de Salcedo os homes que o habitaron en tempos moi remotos, existe un castro ao que pola súa forma arredondada chamámoslle A Roda, situado no monte Fulgueiriña, dende onde se albisca ao leste o Pía Paxaro do Courel, coa súa silueta recortada no horizonte, ao norte e oeste, gran parte do Val de Lemos, onde hai moitos outros castros, e ao sur os pobos da conca baixa do río Lor até a súa confluencia co Sil.
Esta fortaleza prerromana, que ten unha circunferencia de douscentos corenta e cinco metros no seu borde superior e unha medida de cinco sobre o foxo que a circunda, supoñemos que, ao ser construída, tivo corte vertical en todo o seu paramento exterior con muro de contención onde o terreo non tiña consistencia, polo que resultaba totalmente inaccesíbel. Pero nos moitos séculos transcorridos dende a súa construción até os nosos días, os elementos atmosféricos coa súa picaña demoledora fixeron que a terra do borde superior, que formaba o adarve, caese cara ao foxo circundante, dándolle a forma de base dun cono truncado que ten na actualidade.
Este castro ten ademais dobre foxo cun borde de terra ou antecastro que, en forma de avanzada protexíao dende o sur ao norte, e polo oeste, cuxo borde en forma de espiral se une ao castro polo noroeste, onde esta fortaleza tiña o seu acceso.
Segundo o dicionario, os castros foron fortalezas celtorromanas, pero os historiadores, malia as súas investigacións, non teñen unha base para afirmar se os castros foron construídos en tempos de Breogán ou xa existían incluso antes de que os celtas ocupasen esta parte norte, onde hai catalogados máis de cinco mil. Non parece probábel que os romanos tomaran parte na edificación deste sistema de hábitat e fortaleza, porque as calzadas, pontes, acuedutos, teatros e monumentos que nos legaron, foron construídos con matemática enxeñaría e pertencen a unha época posterior.
Admítese como posíbel que os romanos ao ocuparen a Península Ibérica, achasen os castro feitos en Galiza, norte de Portugal e outros poucos ao longo de España, utilizándoos temporalmente como posición defensiva en caso de guerra, e quizais construísen ou modificasen algún, dándolle forma cuadrangular e empregando pedra na súa construción como no de Vigo, por exemplo.
Mais, fosen os que fosen, os fundadores destas fortalezas merecen a nosa admiración polo seu tesón e temos que recoñecer que tiveron leis e organización para reunir e dirixir os homes que cavaron e amorearon convenientemente tantos metros cúbicos de terra con útiles de traballo moi rudimentarios, mentres outros proporcionarían a alimentación para toda a comunidade interesada na obra.
Quen coñeza Galiza, observaría que gran parte da nosa poboación rural, así como algunha vilas e cidades foron emprazadas nas proximidades dos castros, e hai pobos que foron levantados no mesmo lugar en que antes existiron castros; de aí o nome de Castroncelos, Castrosante, Castro de Rei, etc.
Durante séculos e até hai ben pouco tempo, as xentes campesiñas de Galiza, por falta de coñecemento, tiveron un concepto moi equivocado da orixe e finalidade dos castros, posto que crían que estes redutos foran construídos polos mouros, con ocos subterráneos para a súa gorida e, arredor dos castros e dos supostos mouros, a imaxinaría popular teceu moitas lendas sobre o poder de encantamento que tiñan aqueles e os tesouros que, segundo tales lendas, deixaron soterrados nos castros ao seren perseguidos polos cristiáns. Estas lendas carecían de sentido, pero quizais tivesen a súa orixe nun feito histórico terxiversado. Cando o exército de Almanzor se retirou de Galiza quedaron diseminados nesta terra varios núcleos de mouros que, ao seren marxinados ou perseguidos polos cristiáns, uns construirían os seus poboados, cuxos nomes conservan aquela filiación etimolóxica, outros ocuparían varios castros nos que farían a súa vida e ofrecerían resistencia até que foron vencidos ou sometidos ao catolicismo.
En varios castros de Galiza foron descubertos muros circulares, separados entre si, que serviron de base a vivendas de estrutura semellante á das pallozas dos Ancares e do Cebreiro, que segundo xeógrafos e historiadores teñen orixe celta.
No tocante ao castro de Salcedo, supoñendo que estivo habitado por un clan de familias celtas, ao non comprobarse se existiron acubillos subterráneos nin na súa coroa hai sinais de cimentacións, imaxinamos que aquela suposta comunidade faría a súa vida en sinxelos alpendres de madeira, feitos de pólas, peles e outros materiais de pouca duración, que o paso do tempo destruíu.
Como se afirma que os celtas, ademais de seren de natureza guerreira, se dedicaban ao pastoreo e á agricultura, cabe conxecturar que os medios de subsistencia que tiveron os supostos moradores dos castros salcedaos serían as distintas reses de gando salvaxe, controlado nos seus dominios, as froitas das moitas e variadas árbores que entón se darían nestas terras e as augas de Vilachá, A Fontevella e A Seiturada, lugares próximos ao castro.
Partindo da versión de que as mámoas foron sepulturas celtas e a xulgar polo número delas que, un tanto estragadas, aínda se conservan nos montes do Chao e do Teso, próximos ao castro, e outras demolidas para acondicionar o terreo en que se achaban, deducimos que nestes campos que hoxe cultivamos, libráronse loitas encarnizadas entre os posuidores deste chan, que tiña a súa base no castro, e outros homes que viñan disputarlles esta posesión e apoderarse dos seus recursos.
Admitindo que estas medoñas fosen sepulturas celtas, se temos en conta a súa pequena circunferencia e a súa forma cónica, máis ben parecen ter sido monumentos fúnebres aos caudillos ca foxa común para inhumar a todos os mortos.
Corrobora tal suposición o feito de que a finais do pasado século, un veciño de Salcedo observou que había dúas grandes lousas soterradas no centro superior dunha medoña nunha finca da súa propiedade, apoiándose unha na outra, que coidamos que serviron de paredes laterais e tapa dunha sepultura. Estas lousas foron trasladadas a un cerramento, sen que este achado fose examinado por expertos na materia.
Temos coñecemento doutro descubrimento que fai pensar na posibilidade de atopar obxectos de valor nos castro e nas medoñas salcedás. Nun monte próximo aos nosos, certo labrego ao romper o terreo no que había unha mámoa, achou nesta unha pedra con forma de pa e machada cortante nos dous extremos, que resultou ser unha macheta de sílex. Esta pedra, por medio dun grupo de estudantes, foi parar ás mans dun catedrático de Historia que se dedicaba a coleccionar obxectos prehistóricos.
Ademais do castro e das medoñas que vimos de describir, fronte ao río Lor existen vestixios ao pé dunha pena, que pola súa forma de torreón ou castelo, denominárona os nosos devanceiros O Castelo. Esta rocha de gran elevación polo leste e o sur, foi separada no seu día do resto do monte por un ancho e fondo foxo con muro de contención, que a facía inaccesíbel. Como no cume deste torreón non hai indicios de térense apostado os seus defensores, é difícil saber cal foi a súa utilización, por iso limitámonos a dar dúas versións vulgares sobre a súa finalidade: para uns foi unha posición defensiva, para outros fixo as veces de castelo onde confinar castigados. Do que non hai dúbida é de que o foxo e o muro de contención da pena do Castelo, foron feitos pola man do home e cunha finalidade necesaria naqueles tempos.
Se os investigadores sobre a orixe e utilización destas obras tan remotas non chegaron a unha verdadeira conclusión cos seus estudos e pescudas, non se estrañará o lector de que para este artigo botásemos man de hipótese ou suposicións que, talvez, disten moito da realidade; pero, aínda así, queremos engadir outra hipótese máis a modo de resume das anteriores. Moitos séculos antes de que un grupo de vasalos ao servizo dos nobres da casa patrucial de Lemos cultivasen estas terras e construísen as primeiras vivendas que deron orixe a esta aldea, xa viviran nestes campos outros homes que, en réxime de comunidade, levantaron o noso castro para defendérense e viviren.
 
Antonio Rivera
 
Artigo aparecido na revista La Voz de Salcedo, Nadal de 1982, Salcedo
Tradución, Alberte González