Salcedo na Rede - Irmandiños e Guimaros
Inicio arrow Irmandiños e Guímaros
PDF Imprimir E-Mail
IRMANDIÑOS E GUÍMAROS NA POBRA DO BROLLÓN


Retrotraiámonos á época en que o feudalismo como organización política e social estaba en todo o seu apoxeo e tal como diría o historiador Benito Vicetto “Ven siglo XV, presenta a nuestra vista tus fortalezas feudales, tus cacerías animadas, tus duelos amorosos, tus batallas revolucionarias...”

Na historia do reino de Castela a rebelión Irmandiña constituíu un dos máis importantes fitos no proceso de emancipación dos vasalos a respecto dos señores. É o único exemplo coñecido dun conflito popular que supera os límites locais. Desta maneira prelúdiase o alzamento das comunidades galegas, sen esquecérmonos ademais da enorme incidencia que para o posterior nacionalismo galego tivo a mesma. Até tal punto é así que os sublevados foron mitificados como figuras colectivas que alumaron o camiño a percorrer para acadar unha Galiza libre e xusta.

Mais antes de internármonos no tema, cómpre explicar o prólogo desta revolución popular, traendo a estas liñas o porqué dos primeiros irmandiños. Para isto remontámonos ao reinado de Xoán II.

Para comprendermos certamente como se articulou este movemento e como e por que razóns se condensaron todas estas forzas populares co obxecto de contrarrestar o poder absoluto da nobreza, é indispensábel deliñar o panorama social dos viláns do país.

Ao non haber máis ca dúas clases sociais, nobres e servos, estes últimos eran vítimas do despotismo dos señores, que exercían sobre eles o dereito á vida e á morte. Contra aquela especie de monarquía hereditaria, na que o señor, fose patrucial, fose abadengo, impoñía peitas, cobraba rendas, recrutaba hostes e administraba xustiza dunha maneira absoluta, diríxese o movemento irmandiño.

Se ás catástrofes demográficas e á crise do sistema feudal lles engadimos as medidas que toman os sectores dominantes para aseguraren a conservación do poder, o resultado é unha sobreexplotación feudal, ligada a un deterioro da vida para os elementos urbanos e, sobre todo, para os campesiños; de aí que as revoltas locais, consonte avanza o século XV, sexan unha proba do descontento popular. Exemplos disto son o asasinato do bispo de Lugo don Lope, a posterior morte do de Ourense e, por riba de todo, o alzamento da cidade de Ferrol en contra dos señores da casa de Andrade (Algúns historiadores ven neste feito os primeiros irmandiños, ou o que é o mesmo, as primeiras irmandades de viláns que se levantaron contra os nobres, á fronte das cales se puxera o fidalgo Roi Xordo). É necesario advertir que non se han confundir estas irmandades coas que xa existían en distintas localidades para perseguiren a malfeitores, creadas estas en tempos de Xoán I. Aquí remata, pois, o prólogo deste movemento e comeza a verdadeira loita irmandiña con toda a súa forza.

Estando en guerra os vasalos de Galiza contra os seus señores, contan os antigos cronistas que aquelas forzas populares derrubaron moitos castelos, matando aos seus señores. Deste momento data a demolición dos castelos de Sarria, Támega, Monforte, Amarente, etc.

Pero, quen estaba á fronte deste movemento transformador, que culminou coa gran Irmandade, coñecido co nome de Segunda Guerra Irmandiña? A deferencia recae en Pedro Osorio, fillo segundo do Conde de Trastámara, e dos caudillos Alonso de Lanzós e Diego de Lemos.

O padre Mariana refírese a este período coas seguintes palabras: “Los gallegos por ser gente feroz, no se sosegaban...” Ao que eu respostaría: que idea tería este relixioso da democracia? En que é feroz un pobo por estar á vangarda da civilización, principiando a transformación radical das institucións do país?

Antes de tratarmos das batallas, vitorias ou fracasos, imos facer un alto para explicarmos a estrutura desta gran irmandade constituída en 1467, quen a integraba e cales eran os seus obxectivos. As principais cidades galegas enviaron queixas ao rei Henrique IV por mor dos atropelos cometidos polos señores, desprendéndose disto a iniciativa de pedir unha Irmandade. Parece ser que tal iniciativa partiu da cidade de Lugo e, aínda que a organización era de raizame cidadá e nas urbes se reunían as Xuntas e Asembleas Xerais, a participación campesiña foi a que deu á rebelión irmandiña o seu carácter de feito de masas, posto que a incorporación das comarcas rurais foi practicamente total.

Mediante que procedemento se estendeu a Irmandade? Escóllense alcaldes e cuadrilleiros e imponse unha pequena contribución para cubrir os gastos. Como a finalidade deste movemento sería a xustiza e o ben do reino, isto fai que os proxectos do monarca e os da Irmandade sexan os mesmos.

As forzas sociais que tomaron parte directa e apoiaron esta Irmandade foron, ademais da campesiña, a baixa nobreza e o baixo clero. Os fidalgos e as capas relixiosas medio-baixas mantiñan fricións cos estratos máis altos da sociedade, por iso, polo menos na primeira parte desta contenda, non son o branco dos ataques dos irmandiños sublevados. O apoio do clero rural, secular e monástico, foi tamén importante. Se ben dende ópticas diferentes, coinciden cos irmandiños en ver a nobreza como a principal causa dos seus males.

A Irmandade dispón que os señores paguen na cadea o seu absolutismo (segundo Vicetto, un dos Conde de Lemos pagou pola súa redención cinco mil maravedís).

Volvendo ás principais figuras que completan o cadro desta revolución, fáltannos por citar aqueles señores contra os que ía dirixida a acción. Estes eran os Condes de Lemos, Benavente, Monterrei, Altamira, Camiña, Mariscal Pardo de Cela, Sueiro Gómez de Soutomaior, etc.

Se nun primeiro momento a loita contra o inimigo fai deixar a un lado as diferenzas entre o heteroxéneo grupo humano constitutivo da Irmandade, estas deseguida agroman. A máis importante das disensións é o abandono por parte da pequena nobreza a favor da causa da Irmandade, que os estudosos explican pola concesión de certas prerrogativas esixidas, dándose por satisfeita. Ademais, os irmandiños nunca se propuxeron unha derrota global do feudalismo, senón o librárense dos excesivos impostos que traía a vasalaxe e o lograr pertenceren á xurisdición real. Por mor disto, é doado comprender que as derrotas non tardaron en chegar.

A primeira tivo lugar no Campo de Pedrosa, por Alonso López de Lemos (señor das casas de Ferreira, Sober e Amarante, que non hai que confundir cos Castro, Enríquez e Osorio, Condes de Lemos). Benito Vicetto, coa súa desbordante imaxinación, relátanos do seguinte xeito esta batalla: “Dos ejércitos enemigos se encontraron, unos gritaban: ¡Viva el Rey!, y los otros: ¡Viva el pueblo! Los que pertenecían al Rey incendiaron la colina del Marrojo, y los del pueblo, el monte de Piñeira, y cuando el sol apareció al día siguiente en las crestas de Cereija, no había más que ruinas y cadáveres...”
A segunda derrota foi a de Ponferrada, por Pedro Álvarez Osorio, señor de Cabrera e Rivera, mentres que a terceira tivo lugar en Allariz.

En relación co tema que estamos tratando, atrevémonos a comentar algúns feitos e figuras nomeados por Vicetto na novela Los hidalgos de Monforte, por crermos que é de interese o atopármonos con obras onde se citan heroes locais que tomaron parte na loita irmandiña, máxime se estes pertencen á Pobra do Brollón. Claro está que nos estamos referindo aos Guímaros do noso concello.

Moitos estaranse preguntando, quen foi Guímaro? O xefe da cuadrilla irmandiña que había na Pobra. Mais para entendermos mellor este personaxe, teremos que remontarnos aos tempos de Sancho o Bravo. Este rei concedeu á Pobra do Brollón o privilexio de non tributar, pero como aos nobres da casa de Lemos isto pareceulles inxusto, obrigáronos a que o seguisen facendo, sendo Guímaro quen encabezaba esta rebelión, cousa que lle custou a morte. Contan as lendas históricas que os anciáns se reunían baixo un piñeiro situado na parte máis alta da Pobra e que as súas decisións eran acatadas por todos os do lugar.

Neste mesmo libro tamén atopamos citada a morte de Guímaro por mandado do Conde de Lemos e a posterior destrución do castelo da Pobra. Pero, onde estivo situada esta fortaleza? Por que non existe hoxe nin un só vestixio dela?
Aproveito a oportunidade que me brindan esta liñas para solicitar a axuda de cantos estudosos da historia local me estean lendo, pois coido que sería de grande interese que entre todos debullaramos un pouco máis ese mundo tan apaixonante que rodeou os nosos devanceiros.

Terminarei dicindo que, aínda que as guerras son a solución de algo que xa non ten remedio, a loita irmandiña non foi en balde, pois serviu para demostrar a aquela sociedade corrompida que aqueles grandes poderes (Coroa, clero e nobreza), principiaban a súa decadencia e que a partir dese intre, a democracia dexergábase timidamente.
 
Élide Rivera
 
Artigo aparecido na revista Voceiro de Salcedo, 1981, Salcedo
Tradución, Alberte González